Igrexa parroquial de Santa María de Bemil


Lugar: Outeiro
Ficha do PXOM:  A-018


A igrexa foi construída a finais do século XII, de estilo románico do que conserva a antiga fábrica medieval, a ábsida semicircular, de gran pureza, con vans no pano central e o rosetón da fachada occidental.

Os muros reconstruídos, conservan tamén canecillos románicos, na parte dianteira, sobre unha sinxela porta de arco semicircular.

O arco tapado, no interior do muro sur, parece ser o resto dunha antiga porta románica. A capela da cabeceira comunica coa nave mediante un arco triunfal de ferradura.

A cubrición abovedada que se levanta sobre o comezo da nave, con curiosos rosetóns, é moderna.

Nela consérvanse as reliquias de San Xusto, en honor do que se celebra unha popular romaxe o último domingo de agosto.

A finais do S. XVI o interior da ábsida é decorado con tres escenas diferenciadas de pintura mural: a Epifanía ou Adoración dos Reis Magos; a representación do Cristo Maxestade (ou tal vez a Virxe entronizada); e a Virxe do Rosario presidindo a batalla de Lepanto. Esta foi a última gran batalla naval con abordaxes e loitas nas cubertas dos buques, un enfrontamento producido no 1.571 entre a flota da Santa Liga cristiá e a flota turca.

O triunfo dos aliados cristiás foi rotundo e a noticia causou grande expectación, pese a non ter consecuencias políticas duradeiras. Pero a devoción ao Rosario estendeuse rapidamente xa que co seu rezo combatéronse logo herexías e malos costumes, afastáronse epidemias e rematáronse guerras e outras desgrazas. Estas pinturas murais atópanse tras o retablo do altar maior, de estilo barroco (finais do S.XVII e comezos do XVIII), e foron documentadas durante a restauración levada a cabo no ano 1.998.

Máis fotos na wikimedia

 

A igrexa forma un conxunto arquitectónico asociado co cemiterio, un cruceiro e unha carballeira.

Uns 50 metros ao oeste da Igrexa, está a casa reitoral, tamén protexida como patrimonio cultural, foi construída no último terzo do século XX reutilizando parte da construción orixinal do XVIII.

Hoxe está abandonada e ameazada de ruína.

 

 

 

 

 

 

 

Mensaxes